Expourense regresa á actividade feiral presencial co 3º Car Outlet Ourense

04-06-2021

• 16 concesionarios ofrecen esta fin de semana no recinto feiral os mellores prezos e condicións de compra en 350 coches • Control de aforo, distancia de seguridade, hixiene e control de temperatura son as medidas para garantir un evento seguro • Descontos de ata o 40% sobre o prezo do vehículo novo, condicións vantaxosas de financiamento e ata 10 anos de garantía, armas dos concesionarios para animar as ventas

Ourense, 04/06/2021.- Expourense regresou hoxe á actividade feiral presencial coa apertura do 3º Car Outlet de Ourense que ofrecerá donde toda a fin de semana as mellores condicións do mercado de vehículos de ocasión e segunda man con todas as garantías que brindan os concesionarios oficiais, con descontos que chegan o 40% do o prezo do vehículo novo e outros atractivos como o seguro todo risco de agasallo ou ata 10 anos de garantía. Participan os 16 concesionarios integrados na Asociación de Concesaionarios de Automóbiles de Ourense- ACAUTO que trouxeron ata o recinto 350 coches de 22 marcas, o 95 das que operan no mercado nacional.

A actividade desta primeira mañá estivo marcada polo optimismo, a ilusión e as gañas de que todo volte á normalidade por parte dos dous organizadores. De Expourense, porque se trata da primeira feira 100% presencial e a pavillón completo logo da celebración de Xantar en febreiro de 2020 e, por parte de ACAUTO, porque teñen o obxectivo de dar saída á estocaxe de vehículos logo de varios meses complicados nas ventas e que participan neste salón indo “a por todas e ofrecendo condicións moi especiais difíciles de atopar noutro contexto”. As ventas comenzaron xa a primeira hora da mañá cando se podían ver carteis de “Vendido” en practicamente todos os concesionarios. Polo que respecta ao público, esta primeira mañá contou con rexistro de visitas de xeito fluído e con clara intención de compra.

Ambos coorganizadores levan semanas traballando para garantir un evento seguro como se puido comprobar dende primeira hora co control dos aforos (ata 500 persoas á vez poden estar no recinto), rexistro de visitantes, sinaléctica para regular o fluxo das visitas, toma de temperatura, medidas de hixiene, etc.

Esta mañá celebrouse tamén a visita de apertura oficial na que distintos membros do Padroado de Expourense, representantes institucionais e empresarios foron guiados polo recinto polos vicepresidente de ACAUTO, César Fernández, e polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, para coñecer as novidades que traían os 16 concesionarios.

Os vehículos expostos no recinto feiral cobren todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes con prezos comprendidos entre os 7.500 euros do novo AMI de Citroen (100% eléctrico e que se pode conducir dende os 15 anos co permiso de circulación de ciclomotor) e o 59.900 euros da Mercedes Clase V 300 D. Sen referirse aos extremos, o “vehículo tipo” que pode atoparse nesta cita é o do mercado de ocasión en España, é dicir, un coche que ronda os 13.000 euros, con 15.000 kilómetros de media, e que conta cun ano de antigüidade (segundo datos da Federación de Asociacións de Concesionarios, F.A.C.O.N.A.U.T.O.). 

Tamén poden atoparse vehículos que levan moi pouco tempo no mercado como o M2 de BMW (por 56.000 euros, un 40% de desconto) ou o Cupra Formentor, entre moitos outros. Tamén se pode atopar ampla variedade de vehículos híbridos e eléctricos.

A oferta presentada neste salón é moi ampla puidendo atoparse kilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man, de entre 1 e 6 anos. Os datos indican que en Galicia por cada coche novo véndense dous de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares. Isto provoca que haxa cada vez maior demanda e menor oferta, polo que acudir a este salón se converte nunha boa oportunidade para os que anden a busca dun vehículo deste tipo. Unha das principais vantaxes que ofrece o salón é que público interesado pode consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra, co valor engadido de que a entrega do vehículo pode ser inmediata.

Polo que respecta á compra dun vehículo de segunda man, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 0 a 5 anos). As garantías ofrecidas aos coches mercados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos xa que “as marcas están a traballar moito por profesionalizar o mercado de ocasión e xa case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión”, explican. Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, da que se encarga a empresa.

O horario de apertura do salón será mañá sábado 5 de 10.00 a 20.30 h. e o domingo 6 de xuño de 11.00 a 20.00 h. A entrada ten un custo de 2 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.

Fotos Relacionadas