Celebra cumpre 20 anos acompañando aos ourensáns na organización dos seus eventos familiares e empresariais

21-11-2019

>> O Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais terá lugar en Expourense esta fin de semana >> Haberá dous pases cada día, ás 17.00 h. de moda infantil e ás 18.30 h. o de moda nupcial e festa

Ourense, 21/11/2019.- Celebra cumpre 20 anos acompañando ás familias e empresas galegas, e sobre todo ás de Ourense, na organización dos seus eventos ofrecendo os productos e servizos nos que prima a calidade, o deseño e a orixinalidade. O Salón de Vodas, Bautizos e Comuñóns e Actos Sociais organizado por Expourense celébrase esta fin de semana, días 23 e 24 de novembro, no recinto feiral e reunirá a un total de 40 expositores procedentes nun 85% da provincia de Ourense.

Esta 20ª edición foi presentada esta mañá nun acto no que participaron o presidente do comité executivo de Expourense, Jorge Pumar; a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; o xerente de Paris Diffusion en representación das empresas participantes e empresario que participo unas 20 edicións deste evento, Julio Gutiérrez; e a directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez. 

Celebra 2019 primará a interacción entre os expositores e os visitantes a través da presenza do “oficiante” Dani Ríos, “O Casamenteiro”, que guiará ás parellas na súa busca de productos e servizos. Para esta edición cóntase ademais coa colaboración da empresa “Bodaspack”, unha plataforma web galega especializada na organización integral de vodas.

Esta cita presentará unha ampla oferta de produtos e servizos para que as familias que están organizando o seu eventos para o 2020 ou ata para o 2021, poidan atopar aos provedores necesarios para a súa voda, bautizo ou comuñón como o lugar onde celebrar o banquete; os traxes de noivo, noiva e festa; perruquería e estética; arranxos florais; fotografía; xoiería; viaxes; animación e discotecas móbiles; agasallos; actuacións musicais; “espellos máxicos” que son fotomatóns; cocteleiría; prensa especializada, etc. Todas as empresas ofrecerán os productos e servizos necesarios para organizar un evento 100% personalizado, diferente e a prezos competitivos.

Como é habitual, a oferta expositiva complementarase con varios pases de moda nupcial, festa e infantil. Estarán coordinados pola Axencia Luena e neles participarán as seguintes empresas: Nicandra (noiva e festa), As Badaladas (noiva e festa), Angelo Milano (noivo), Loyma (xoiería), París Diffusion (perruquería). Este ano súmanse a esta actividade Little Kings Ourense (moda infantil de festa), El Tocador de Anabel de Allariz (estética) e Duet Moda, empresa de moda nupcial e ceremonia de Sarria (Lugo). A meirande parte destas empresas con coleccións de fabricación e deseño propio. O desfile infantil será ás 17.00 h e o de noivos e festa ás 18.30 h.

O horario de Celebra será sábado e domingo de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.30 h. A entrada ten un custo de 2 euros (menores de 12 anos gratuítos). A información desta cita actualízase na web www.expourense.org e nos seus perfís sociais (Facebook e Instagram). Ademais, realizaranse distintos sorteos entre as visitas.

“Diferenciación e personalización 100% a prezos competitivos” iso é o que atopan as familias e parellas que se achegan ata o salón para coñecer a ampla oferta de produtos e servizos cos que dar resposta á complexa planificación de todo tipo de actos sociais: as cores, o decorado, os agasallos para os invitados, as flores, a música, o restaurante e a animación. Os expositores ofrecen ademais descontos especiais para as reservas realizadas durante Celebra.

Estatísticas
As estatísticas indican que se reduce cada vez o número de convidados nos eventos (130 de media nunha voda, por exemplo) pero que medra o investimento en cada un deles e iso non significa outra cousa que se coidan cada vez máis os detalles e os xestos de cariño cara os convidados. Estimar o custo medio dunha voda non resulta sinxelo xa que vén determinado por moitos factores como o estilo de cerimonia, o número de convidados, lugar de celebración, época do ano, tipo de viaxe de lúa de mel, etc. Aínda así, os distintos datos dispoñibles indican  que o custo medio dunha voda en Galicia ronda os 21.000 euros, o que supón un desembolso importante para as familias, pero tamén unha oportunidade de negocio para as empresas especializadas que cada ano acoden a Celebra.

Fotos Relacionadas