12-12-2017 Preto dun milleiro de deportistas asisten este sábado 16 ao Torneo Inaugural da nova pista de atletismo cuberta en Expourense

  • "Podemos ser centro e referente do atletismo de pista cuberta grazas a este investimento ”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez A pista hidráulica, primeira destas características en Galicia, supuxo o maior investimento da Xunta para o Deporte (case 3 millóns de euros)

Ourense, 12 de decembro de 2017.- Preto dun milleiro de deportistas acudirán este sábado a Ourense para celebrar o Torneo Inaugural da pista de atletismo cuberta, emprazada no recinto feiral de Expourense. Organizada polo Concello de Ourense e a Federación Galega de Atletismo, co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, consta de dúas partes: a fase final de Liga ABANCA, para idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, e probas abertas para os mellores atletas da nosa comunidade e do norte de Portugal. 

Á presentación da proba, que tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ourense, asistiron Mario Guede, concelleiro de Deportes do Concello de Ourense; Juan Anta, responsable da Área de Deporte da Deputación; Marisol Díaz, delegada da Xunta en Ourense; Manuel Blanco, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo; José Alfonso Palomares, atleta ourensán -triple salto- do FC Barcelona; Alejandro Rubín, xerente de Expourense; Marta Míguez, secretaría Xeral para o Deporte; e Jesús Vázquez, alcalde de Ourense.

“Este sábado será o primeiro de moitos que traerán á nosa cidade probas de nivel autonómico, nacional e internacional no circuíto de inverno”, celebraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación. “Debemos ser conscientes da importancia deste feito, pois agora podemos ser centro e referente do atletismo de pista cuberta grazas a este investimento de tres millóns de euros por parte da Xunta de Galicia”, dixo.

O plan de competición será intenso: comezará ás 10:30 da maña cos máis novos, os benxamíns e alevíns (6-7 e 8-9 anos, respectivamente), sobre 350. Continuarase coa competición rematando a sesión matinal coa cerimonia de entrega de premios aos mellores equipos da cada unha das categorías.

Ás 17:00h proseguirá a competición coas categorías infantís e, de xeito paralelo, están programadas probas para as categorías de cadete en adiante (haberá outros 350 participantes) e para as probas sénior (200 atletas). Deste xeito daráselle uso a totalidade do equipamento, xa que haberá probas que se disputarán no anel da pista, probas de velocidade ou valados na recta interior e concursos como lanzamento de peso, pértega ou saltos de altura e lonxitude. 

Estímase que o día da competición se despracen a esta nova instalación un milleiro de deportistas, contando con xuíces e preparadores. As gradas teñen capacidade para 500 persoas e, para eventos de moita participación, pódense ampliar até os 1.500, o que converterá este evento nun verdadeiro día de festa para o atletismo galego e o deporte da nosa cidade.





Imágenes asociadas




Diciembre 2018
L M X J V S D
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31


imagen