04-12-2017 Megaxove cumpre a maioría de idade animando á xuventude a amosar a súa solidariedade

  • O 18º Salón da Xuventude celébrase en Expourense os días 5 e 6 de decembro e recollerá alimentos para a Operación Quilo de Amencer e material escolar para o Rally Solidario Ofrece máis de 30 actividades de lecer e deportivas como obradoiros de robótica, de impresión 3D e tamén clases de Roller Derby, circuíto ciclista ou competicións de atletismo

Ourense, 04/12/2017.- Expourense remata o calendario feiral do 2017 coa celebración da 18ª edición de Megaxove que os días 5 e 6 de decembro, ofrecerá máis de 30 actividades de lecer e deportivas que converterán ó recinto no punto de encontro para a mocidade galega e as súas familias. Para elo conta coa colaboración de 21 expositores entre os que se atopan asociacións culturais e xuvenís galegas, federacións e clubes deportivos, ou empresas especializadas na educación e formación dos máis novos.

A 18ª edición de Megaxove foi presentada esta mañá nun acto ao que acudiron á delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira, e a directora adxunta de Expourense, Emma González, que estiveron acompañadas por dous representantes de entidades que levan apoiando este salón dende os seus inicios: a Asociación Xuvenil Amencer, que estivo representada polo seu coordinador, Héctor Mosquera; e o Clube de Atletismo Ourense, representado polo seu presidente, José Antonio Álvarez.

O Salón da Xuventude, que conta co apoio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, cumpre a súa maioría de idade animando aos visitantes a amosar a súa solidariedade con máis desfavorecidos colaborando coa doazón de alimentos non perecedeiros que irán destinados á “Operación Quilo”. A novidade deste ano será a campaña de recollida de material escolar (libretas, lapiceiros, marcadores, etc.) que porá en marcha en Megaxove o Rally Solidario de Galicia Sport Raid Team e Escudería Ourense Raid e que entregará na vindeira proba (Madrid-Marrakech). Tamén organizarán unha exposición dos vehículos cos que corren esta competición.

Os expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de actividades que será inaugurado no Día Internacional do Voluntariado, e cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó Medio Ambiente. 

O Salón da Xuventude ofrece a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serve tamén de plataforma de promoción e descubrimento doutras actividades vencelladas ó tempo libre, á cultura ou ó deporte. Nesta cita ten cabida todo aquelo que anime á participación activa e á adopción de hábitos saudables. 

Entre as principais novidades desta edición destacan os obradoiros de programación e impresión 3D que ofrecerá a empresa “+ que 3D” ou os de Robótica e Exhibición de drons que estarán organizados por “Escolabs”. Por outro lado, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa instalará en Megaxove un Aula de Realidade Virtual. 

Torneos

O deporte será coma sempre un dos grandes protagonistas de Megaxove,. Expourense é o lugar elixido por asociacións e federacións para dar a coñecer estes deportes, programando exhibicións e torneos. As principais novidades deste ano no ámbito deportivo serán as clases de introdución ao Roller Derb da Asociación As Lobas de Morgana; os adestramentos de Kung-Fu do Clube Kung-Fu Barbadás e o Ximnasio Fitness Forma;, as mini competicións de Atletismo organizada polo Clube Atletismo Ourense ou o xa clásico Torneo de Xadrez Megaxove convocado polo Clube Xadrez Ourense. Ademais, os xogadores da Unión Deportiva Ourense achegaranse ata Megaxove para asinar autógrafos e sacar fotos entre o público presente.  

Participación aberta a todos

Ademais das actividades xa mencionadas, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles mozos ou nenos que, acompañados polas súas familias, se acheguen ata Expourense durante estes días. A empresa Nenoos Ourense incorpórase a esta cita organizando varios obradoiros sobre emprendemento para nenos e nenas de entre 8 e 13 anos.

Unha das entidades máis activas con este salón volverá ser a Asociación Xuvenil Amencer que organizará unha ducia de actividades. Ademais da “Operación Quilo”, impartirán obradoiros de maquillaxe ou traballos manuais (carteiras con cómics e pulseiras, hammas, marcos de fotos, etc.), e ofrecerán xogos de mesa e de estratexia. Non faltarán ademais os espazos para toda a familia como o “Bebechán”, o “Ludochán” ou o recuncho para pais e nais.

Outras das entidades fieis a Megaxove son: a Asociación Cultural Xuvenil Cipri Gomes que impartirán obradoiros de cociña “Masterchef” e de traballo manuais; Cruz Vermella Xuventude que organizarán obradoiros con material reciclado e xogos de cooperación; o CCP Xaquín Lorenzo que traerá os seus xogos populares ou a Escola de Danzas da Deputación de Ourense que fará unha actuación o martes ás 19.15h.

Megaxove, de entrada gratuíta, permanecerá aberto en Expourense os días 5 e 6 de decembro. O horario do martes 5 será de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 h. e o do mércores 6 de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h O programa actualizado pódese consultar na web www.expourense.org ou no perfil de Facebook do salón.




Imágenes asociadas




Diciembre 2017
L M X J V S D
123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031


imagen