14-11-2017 Nace Sportur para impulsar o turismo deportivo en Galicia

  • >> O I Salón do Deporte e Turismo Activo de Galicia celebrarase en Expourense os días 17, 18 e 19 de novembro, coincidindo coa Carreira Popular de San Martiño >> Un programa con máis de 100 actividades converte a esta cita no escaparate das federacións e clubes deportivos da comunidade a través de presentacións, exhibicións, adestramentos, campionatos e obradoiros >> Entre as accións profesionais destacan o 1º Workshop de Turismo Activo coa presenza de maioristas especializados e o 1º Seminario sobre Deporte e Turismo Activo

Ourense, 14/11/2017.- Sportur Galicia, o 1º Salón do Deporte e Turismo Activo celebrarase os días 17, 18 e 19 de novembro en Expourense co obxectivo principal de dar a coñecer Galicia como destino activo e saudable e promocionar a multitude de opcións que esta comunidade ofrece para os afeccionados ao deporte e ás actividades ó aire libre animando ao mesmo tempo aos propios galegos a practicalas. A celebración desta cita coincide coa presenza na cidade de Ourense de milleiros de deportistas que participarán na Carreira Popular de San Martiño e que recollerán os seus dorsais no propio recinto feiral.

Sportur Galicia foi presentada esta mañá nun acto que contou coa participación da secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez: da directora xeral de Turismo, Nava Castro; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; do vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; e do director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. Todos eles indicaron que esta cita naceu con vocación de continuidade e de converterse en feira internacional xa que é unha cita que combina o binomio deporte + turismo e que permitirá a desestacionalización do turismo achegando visitantes de proximidade a través do deporte.

Organizado por Expourense e coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte, Sportur Galicia naceu como un evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademáis das familias) para que poidan coñecer os servizos, produtos e opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converteu no mellor escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade, xa que dos 121 expositores participantes, 32 son clubes e asociacións de distintos deportes que aproveitarán a súa presenza no salón para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos ou campionatos. Os expositores desta primeira edición proceden de toda a Comunidade Galega e tamén de Portugal, destacando a importante presenza da Entidade de Turismo Porto e Norte que convocou nesta cita a boa parte dos seus parceiros, 21 en total.

Esta cita converterase nun punto de encontro para o sector onde teñen cabida dende concellos ou outras entidades que queren promocionar os seus recursos vencellados a este sector (rutas de sendeirismo ou acuáticas, instalacións deportivas, carreiras, andainas, etc.), ata empresas de equipamentos para o deporte e a aventura ou especializadas na venda de paquetes turísticos que inclúen actividades deste tipo. Sportur Galicia será tamén un centro de negocios onde destaca a organización do 1º Workshop de Turismo Activo de Galicia no que participarán maioristas de viaxes especializados neste sector procedentes de distintos puntos de España e que contarán cun completo programa que os levará a manter reunión B2B cos representantes de destinos de turismo activo presentes no salón, así como a participar nas presentaciones de destino que realicen os expositores. 

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Sportur Galicia será un evento único que conxugue turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables que poidan mellorar a nosa calidade de vida. A finalidade é ofrecer novas opcións e equipamentos aos que xa practican deporte e animar aos demais a que tamén o fagan. Para conseguir isto, o salón conta cun completo programa que supera o cento de actividades.

Este programa inclúe a celebración do 1º Seminario sobre Deporte e Turismo Activo de Galicia con conferencias e presentacións como a de “Termalismo  Deportivo. Planificación de Eventos para Impulsar el Turismo Deportivo” que impartirá o INORDE ou a de “Xeración de Impacto Económico e Turístico a través do Deporte” da Universidade de Vigo.  Pola súa parte, a Fundación Deporte Galego presentará a “Galicia Activa como ferramenta para o fomento da Actividade Física Saudable e como Referencia de Recursos en Galicia”. Este seminario inclúe ademáis una mesa redonda sobre as oportunidades que ofrece o Turismo Activo e Deportivo na que participarán axentes especializados, consultores e a Asociación Galega de Empresas de Turismo e Natureza (AGETAN).

Destaca a presenza neste seminario do director de comunicación da Real Federación Española de Fútbol, Marcos Rocha, que participa da man do Ourense F.C. e que ofrecerá a charla-coloquio: “a Selección Española, caso de éxito en comunicación dixital”. Tamén impartirán conferencias a Federación Galega de Piragüismo e a de Fútbol. Este seminario inclúe ademáis presentacións de equipamento deportivo para colectivos, sobre marcha nórdica e sobre psicoloxía no deporte en idade escolar.

As 32 federacións, asociacións e clubes deportes presentes en Sportur Galicia realizarán distintas exhibicións, campionatos e obradoiros. O programa completo con día e hora pode consultarse na web do evento www.sporturgalicia.com. Algúns dos deportes  que estarán representados nesta cita son o ciclismo (infantil e rutas en bici de estrada e BTT fóra do recinto); wushu; halterofilia; tiro con arco; bádminton; marcha nórdica; petanca; voleibol; ximnasia rítmica; esgrima antiga; xadrez; fitness; pilates e zumba; pentatlón moderno-laser run; roller derby; bodyjump; hockey, etc. Tamén haberá obradoiros vencellados coa nutrición ou outros de realización de nós mariñeiros ou as presentacións do Campus con Vida da Universidade de Vigo-Campus de Ourense, ademais das degustacións de produtos autóctonos no stand de Porto e Norte.

Sportur Galicia acollerá ademais a entrega de medallas do ciclo de probas “Correndo por Ourense” que organiza o Concello de Ourense. Será o sábado 18 ás 18.00 h. O salón recibirá ademais a visita de importantes representantes dos deportes como a do presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco; das xogadoras con Enviala F.S. que son Campionas de España de Fútbol Sala; dos xogadores do Ourense C.F. e dos da Unión Deportiva Ourense.

LECER ACTIVO EN FAMILIA
Haberá ademais actividades permanentes que converterán a Sportur na mellor opción para a fin de semana para deportistas, afeccionados e familias. As opción son múltiples: obradoiros de “encesta pola reciclaxe”; bautismo con ponis; ponte tibetana; remo indoor; simuladores de kayac e canoa; práctica de squash; xogos tradicionais; simulador de tiro virtual; rocódromo; simuladores de navegación a vela; adopción de hábitos de visa saudables, etc.

A paisaxe é a primeira motivación pola que o turista elixe a Galicia como destino e o I Salón do Deporte e Turismo contribuirá a promocionala como o mellor escenario posible para gozar do deporte e das actividades ao aire libre que teñen un valor engadido ao practicalos en Galicia.

A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades de Sportur poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com e dos seus perfís en Facebook e Twitter.




Imágenes asociadas




Noviembre 2017
L M X J V S D
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930


imagen