17-03-2017 Expourense participa na sexta edición do premios Incuvi-Emprende que organiza a Universidade de Vigo

  • >> A directora de Administración e Recursos Humanos da Fundación, Cristina Álvarez Bermejo, acudiu onte á entrega de premios >> O mundo dixital e as novas tecnoloxías triunfan na sexta edición dos premios Incuvi-Emprende

Expourense participou onte en Vigo na entrega de premios da 6ª edición de Incuvi-Emprende, organizada pola Universidade de Vigo para recoñecer as iniciativas emprendedoras. A directora de Administración e Recursos Humanos da Fundación Expourense, Cristina Álvarez Bermejo, participou no acto no que foron desvelados os proxectos que pasarán o vindeiro ano nas instalacións de incubación dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. 12 iniciativas emprendedoras escollidas entre 23 finalistas, das cales seis son do campus de Vigo, catro de Ourense e dúas de Pontevedra, ademais de dous accésits, un en Vigo e outro en Pontevedra. 

As novas tecnoloxías e a contorna dixital consolidan ano tras ano a súa presenza entre os proxectos gañadores, ben sexa a través de aplicacións móbiles ou de plataformas de networking ou economía colaborativa. Con todo, esta convocatoria foi a primeira de Incuvi á que se presentaron proxectos de todos os eidos do coñecemento “cun fortísimo aumento da participación de estudantes do noso campus da creatividade, o de Pontevedra”, como explicaba na súa intervención a vicerreitora da Estudantes, Dolores González. Tamén se incrementou de xeito importante a participación feminina, xa que dos 38 proxectos que se presentaron en total, o 42,5% das persoas impulsoras son mulleres. De feito, entre os gañadores tamén se mantén unha situación case de equidade, con 12 homes e 11 mulleres. 

No acto de entrega de diplomas e das chaves que abrirán as que serán as súas oficinas durante os vindeiros doce meses, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, agradeceu ás entidades colaboradoras o seu “apoio fundamental e a súa aposta polo talento que xurde da nosa Universidade, que é o maior tesouro que temos”. Mato, que estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Ana Mª Ortiz e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, destacou que “como institución temos que facer posible que o noso alumnado poida ter ferramentas para canalizar o seu talento e que este se poida converter en prosperidade, progreso, crecemento económico e emprego para a nosa sociedade”. Engadiu que este tipo de propostas de empredemento son “unha vía máis para que o alumnado se mergulle no mercado laboral e teña a oportunidade de botar raíces no país”. 

Neste sentido, a vicerreitora Dolores González explicaba que neste 2017 se pecha un ciclo, o primeiro lustro de Incuvi, con 46 equipos e máis dun cento de mozos e mozas, estudantes ou egresados, pertencentes aos tres campus e a todos os eidos do coñecemento: “Incuvi é xa unha realidade como fábrica de emprendedores e con el estamos asistindo ao cumprimento dunha materia pendente da universidade española". 

Catro novas ideas empresariais destino Ourense

Dependencia e diversidade funcional, marketing dixital, nutrición e turismo deportivo. Os niños da incubadora na Tecnópole en Ourense xa teñen tamén novos inquilinos, catro novas iniciativas empresariais dispostas a dar o salto das ideas ao mercado empresarial real. Impulsada por Melanie Sol, Nutrición Integral en Tu Empresa é unha das catro ideas gañadoras. “O meu proxecto consiste nun programa de benestar global para as empresas, a través do que se detectan necesidades puntuais dos empregados da organización e se ofrecen solucións estratéxicas para que melloren a súa calidade de vida”, explicou Sol, ex-alumna do Máster en Nutrición, ao que engadiu que, a día de hoxe, o mercado só ofrece alternativas para mellorar a alimentación mediante consultas privadas con nutricionistas, o que supón un importante gasto para o usuario, tanto en diñeiro como en tempo, mentres que cando é a empresa a que promove a harmonía entre traballo e saúde física “increméntanse moito as posibilidades de adherencia e, con iso, prevense factores de risco como obesidade, hipertensión, diabetes...”.

Impulsada neste caso por Eva Robledo, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, outra das iniciativas gañadoras é Ridesport, unha plataforma en liña de economía colaborativa que ten como finalidade o turismo deportivo, poñendo en contacto viaxeiros con residentes para que poidan practicar a modalidade deportiva que comparten. “O público obxectivo ao que está dirixida a idea serían todo tipo de turistas e residentes que practiquen un deporte e desexen compartilo con descoñecidos de distinta procedencias”, explicou Robledo. 

Estas dúas iniciativas terán como veciños na preincubadora ourensá a Kuatro Marketing Digital, un proxecto de asesoramento e deseño de solucións estratéxicas e operativas de marketing dixital que optimicen a presenza en liña de calquera modelo de negocio, e OuVIr, que se centra en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo, dende cognitiva a intelectual e persoas en situación de dependencia, ofrecendo asistencia persoal.

Incuvi Avanza para Brigantia e .beLeader

Neste acto déronse a coñecer tamén as dúas iniciativas gañadoras dos premios Incuvi-Avanza, unha convocatoria que trata de consolidar os dous mellores proxectos gañadores da pasada edición de Incuvi-Emprende, que seguirán desenvolvéndose no CITI de Ourense e no Parque Empresarial de Porto do Molle. Nesta ocasión os seleccionados foron Brigantia e .beLeader, outorgándose tamén un accésit para MycoGalicia. Lucía González e Rita Carreira, graduadas en Educación Social, propoñen en Brigantia un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudable fóra do consumismo, e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galega. .beLeader é unha solución web orientada ao turismo de baixo custe. Os seus representantes foron os encargados este xoves de dar os primeiros consellos aos impulsores dos doce proxectos, que ocuparán o seu lugar nos espazos de incubación de Incuvi-Emprende.




Imágenes asociadas




Junio 2017
L M X J V S D
1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930


imagen