15-12-2016 Un dron con cámara termográfica para evitar a reprodución de incendios gaña o 16º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

  • • O autor é Alberto Novoa, alumno de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo • A Deputación de Ourense entregou o premio especial “Provincia Intelixente” que recau no portal para a xestión de viñedos creado por Alba Nogueira, egresada da Escola Superior de Informática do Campus de Ourense

Ourense, 15/12/2016.- Un dron con cámara termográfica que calcula a temperatura do chan a máis de cinco metros de altura para controlar o perímetro de seguridade de zonas afectadas por incendios co obxectivo de evitar que éste se reproduza. Este foi o traballo gañador do 16º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos que se celebrou esta mañá no Campus de Ourense. O gañador de este premio foi Alberto Novoa, alumno de fin de grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Trátase dunha iniciativa promovida por Expourense e a Escola Superior de Informática de Ourense que conta co apio do IGAPE e o patrocinio da Deputación Provincial de Ourense. A finalidade deste concurso é sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ó seu proceso de produción axudando a facela máis competitiva. Polo tanto, tiveron cabida todos aqueles traballos onde prime unha clara aplicación das súas ideas ó mundo empresarial e que estean vencelladas coa realidade e necesidades cotiás.

A entrega de premios correu a cargo do vicepresidente da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, que estivo acompañado polo director da Escola Superior de Informática do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, e da directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez. Jorge Pumar indicou que este concurso está enmarcado no “Plan Estratéxico 15-19 da Deputación de Ourense” orientado a dar servizos ós cidadáns e ás Administracións Locais e no que as tecnoloxías da información terán unha especial incidencia no seu desenvolvemento para conseguir unha “provincia intelixente e conectada”. Pola súa parte, o director da Escola explicou que os proxectos gañadores  foron “punteiros e moi traballados, excedendo o que é un traballo de Fin de Grao habitual”.

O gañador do primeiro premios deste 16º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos indicou que creou este dron “para dar resposta desde o eido tecnolóxico a unha necesidade que xorde despois de cada incendio forestal, como é revisar o seu perímetro para asegurar que quedou o suficientemente frío como para que non se produzan reproducións nos seguintes días”. Esta tarefa supón unha perda de tempo cando as brigadas ou axentes en épocas de incendios numerosos e de grandes dimensións, como no verán, teñen que actuar en numerosos frontes. Segundo recolle o traballo, co sistema deseñado por Alberto Novoa nun escenario de, por exemplo dez hectáreas, o dron faría o percorrido do perímetro en 9 minutos e 40 segundos cun custe de 2,95 euros mentres unha persoa polo método tradicional o faría en 70 minutos e cun custe de 43 euros. O autor deste estudo leva moitos anos formando parte de brigadas de extinción de incendios forestais.

O segundo premio deste concurso recaeu en Javier Villalobos polo seu traballo fin de grao en Enxeñaría Informática (Campus de Ourense) denominado “HERBA”. Trátase, explicou, dunha “aplicación Android de monitorización cardíaca de persoas ante estímulos multimedia, como imaxes ou vídeos, ou mentres están realizando algunha acción ou estado”. Segundo recolle o traballo, HERBA é “unha aplicación sinxela, intuitiva e modular que favorece a mobilidade e permite exportar os datos obtidos”. A súa vantaxe con respecto a outras aplicacións similares é que, apuntou Villalobos, “ademais de obter información cardíaca ten en conta outro tipo de estímulos que xa proporciona a propia aplicación”. A idea de facer esta ferramenta, indicou o egresado, xurdiu ante o desenvolvemento e popularización que están tendo aplicacións deste tipo e no marco do traballo que no eido da tecnoloxía de monitorización está a realizar o MILE Group (Medical Informatics and Learning Environments) da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

Premio especial Deputación de Ourense - Provincia Intelixente

Durante esta xornada entregouse ademais o premio especial da Deputación de Ourense “Provincia Intelixente” que recaeu en Alba Nogueira, egresada da Escola Superior de Enxeñaría Informática, polo seu traballo fin de grao “Portal de xestión de viñedos”. Nel desenvolve un sistema para rexistrar as actividades dunha explotación vitícola, consultar datos meteorolóxicos próximos ao viñedo e xestionar a vendima e as ofertas de traballo vinculadas a el, entre outras cuestións . “A idea foi crear un portal onde se poidan rexistrar todas as actividades que se poden facer nun viñedo”, explicou. Nel recádase información que permite aos usuarios sacar modelos preditivos e actuar en consecuencia, tendo especialmente en conta a incerteza que provoca na viticultura variables como as condicións climáticas. A idea de facer este proxecto naceu das súas propias necesidades como viticultora, xa que ten un viñedo na zona de Quiroga. “Tiña un problema e busqueille solución, unha solución que a min estame sendo moi útil. Polo momento é un proxecto pero será un produto”, afirmou a galardoada. A finais deste ano conta con ter rematado o portal para que outras persoas coas súas mesmas necesidades o poidan empregar.

 




Imágenes asociadas




Noviembre 2017
L M X J V S D
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930


imagen